TÍTULO PRIMEIRO: DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1º.- Denominación e natureza.
A AGRUPACIÓN DE AVOGADOS NOVOS DE PONTEVEDRA está constituída ó abeiro do artigo 78 dos Estatutos do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra e intégrase no marco profesional do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra.
A Agrupación, formada polos asociados que a ela pertenzan en cada momento, goza de autonomía no ámbito colexial para a defensa e representación dos intereses do colectivo de Avogados Novos.
Artigo 2º.- Ámbito territorial.
O ámbito territorial da Agrupación de Avogados Novos de Pontevedra será coincidente co do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra.
Artigo 3º.- Sede.
A sede da Agrupación será a mesma do Colexio de Avogados, sen perxuizo de poder celebrar reunións e promover actividades en calquera outro lugar do seu ámbito territorial.
Artigo 4º.- Fins e funcións.
1. Os fins e funcións da Agrupación de Avogados Novos estarán dentro dos que son propios do Colexio de Avogados de Pontevedra.
2. Son fins da Agrupación:
a) A representación da avogacía nova no seu ámbito territorial.
b) A defensa dos dereitos e intereses profesionais dos Avogados novos e a súa formación permanente.
c) O control, no que atinxe á avogacía nova, da deontoloxía profesional.
d) A garda e observancia do cumprimento dos servicios sociais encomendados ó Colexio de Avogados ou asumidos por este.
e) A colaboración no funcionamento, promoción e mellora da Administración de Xustiza.
3. Son funcións da Agrupación:
a) Exercer a representación da avogacía nova.
b) Procurar a relación, armonía e colaboración entre os Avogados novos.
c) Estudar os problemas dos Avogados novos e dos de recente incorporación, e promover solucións ós mesmos.
d) Impulsar a formación técnico-xurídica dos seus integrantes.
e) Informar ós asociados das disposicións normativas que lles afecten.
f) Fomentar a participación dos Avogados novos na vida colegial.
g) Cooperar cos órganos de goberno e administración do Colexio de Avogados de Pontevedra.
h) Procurar vantaxes, beneficios e condicións favorables para o exercicio profesional da avogacía nova.
i) Manter contacto coas asociacións semellantes doutros Colexios, galegos e exteriores, colaborando nas tarefas de interese común.
l) Participar en congresos, xurados, órganos consultivos e Comisións e Servicios do Colexio.
m) Realizar cantas actividades sexan necesarias para o cumprimento dos seus fins e para o desenvolvemento integral da Agrupación.
TÍTULO SEGUNDO: DOS MEMBROS DA AGRUPACIÓN
Artigo 5º.- Requisitos de asociación.
A incorporación á Agrupación de Avogados Novos esixe as seguintes condicións:
a) Estar colexiado no Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra;
b) Ter menos de corenta anos de idade; e
c) Non estar suspendido no exercicio profesional da avogacía.
Artigo 6º.- Solicitude, admisión e denegación de asociacións.
1. A solicitude de incorporación á Agrupación farase por escrito, e comprenderá a declaración de concorrencia de todos os requisitos sinalados no artigo 5º.
2. A Xunta Directiva da Agrupación resolverá as solicitudes de asociación no prazo máximo dun mes, contado a partir do día seguinte ó de presentación da solicitude; transcorrido este prazo sen que se produza a resolución, a solicitude considerarase admitida sempre que se cumpriren as condicións formais e materiais.
3. A asociación únicamente poderá denegarse, mediante resolución motivada, cando o solicitante incumpra os requisitos e condicións de asociación.
Artigo 7º.- Perda da condición de asociado.
A condición de asociado perderase por algunha das seguintes causas:
a) Por falecemento.
b) Por non cumprir coas condicións que se determinan no artigo 5º.
c) Por baixa voluntaria.
d) Por falta de pago das cotas e cargas da Agrupación ás que se estea obrigado.
e) Por separación da Agrupación, acordada polo Colexio de Avogados de Pontevedra.
Artigo 8º.- Dereitos dos asociados.
Os membros da Agrupación teñen dereito:
a) A asistir ás Asembleas con voz e voto.
b) A participar en todas as actividades que se promovan no seo da Agrupación e a formar parte das Comisións que nesta se constitúan.
c) A dirixirse ós órganos da Agrupación para formular peticións e queixas.
d) A pedir e obter información sobre a actividade da Agrupación, e a examinar os documentos nos que se reflicta a súa actividade económica.
Artigo 9º.- Deberes dos asociados.
1. Os membros da Agrupación deberán:
a) Cumprir estes Estatutos e as normas e resolucións dictadas polos órganos da Agrupación, sen prexuízo do seu dereito a formular queixas.
b) Estar ó corrente no pago das cotas e contribuír puntualmente ó levantamento das cargas de toda clase, calquera que sexa a súa natureza, na forma establecida nestes Estatutos e nos acordos adoptados polos órganos da Agrupación para a súa aplicación.
c) Comunicar á Xunta Directiva os cambios de domicilio profesional e particular e as demáis circunstancias que deben ser do coñecemento da Agrupación.
d) Denunciar ante a Agrupación calquera acto de intrusión ou actuación irregular dos que tivera coñecemento.
e) Actuar con fidelidade e dilixencia no exercicio dos cargos para os que fora elixido ou nomeado.
f) Ter cos demáis compañeiros as atencións derivadas do mellor espírito de irmandade.
2. Os membros da Agrupación de Avogados Novos haberán de evitar toda conducta contraria á dignidade profesional, así coma calquera actividade que perxudique os intereses do colectivo.
TÍTULO TERCEIRO: DOS ÓRGANOS DA AGRUPACIÓN
Artigo 10º.- Órganos de goberno.
A Agrupación, para cumprir os seus fins e funcións, rexerase pola Asamblea Xeral e pola Xunta Directiva.
Artigo 11º.- Comisións e Servicios.
1. A Asemblea Xeral e a Xunta Directiva poderán crear, modificar e suprimir todas aquelas Comisións e Servicios permanentes e temporais que sexan precisos para o mellor desenvolvemento da actividade colexial e do servicio prestado ós asociados, á avogacía e á sociedade en xeral.
2. As funcións e o réxime destas Comisións e Servicios serán determinados polo acordo no que estes se creen ou polo correspondente regulamento aprobado polo mesmo órgano que as crease.
CAPÍTULO PRIMEIRO: A ASAMBLEA XERAL
Artigo 12º.- A Asamblea Xeral: definición.
A Asamblea Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade da Agrupación e está composto pola totalidade dos asociados, quen poderán asistir á mesma con voz e voto.
Artigo 13º.- Reunións.
1. A Asamblea Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ó ano, unha no primeiro trimestre e outra no último. A data deberá ser anunciada pola Xunta Directiva polo menos con vinte días de antelación.
2. Celebrarase ademáis Asamblea Xeral extraordinaria cando a Xunta Directiva o considerare necesario, convocándose neste caso cunha antelación mínima de dez días, ou por petición do quince por cento dos asociados, e neste caso terá lugar no prazo máximo de trinta días dende a presentación da solicitude.
Artigo 14º.- Competencias da Asamblea Xeral.
1. Correspóndelle á Asamblea Xeral ordinaria que se celebre no primeiro trimestre:
a) Coñecer a Memoria que lle debe someter a Xunta Directiva resumindo a súa actuación durante o ano anterior, así como a xestión das demais Comisións e Servicios e os acontecementos de maior relevancia que se producisen durante o ano anterior en relación á Agrupación.
b) Examinar e aprobar a conta xeral de ingresos e gastos de exercicio anterior.
c) Discutir e votar os demais temas que figuren na orde do día.
2. Correspóndelle á Asamblea Xeral ordinaria do último trimestre do ano:
a) Examinar e aprobar o orzamento elaborado pola Xunta Directiva para o exercicio seguinte.
b) Discutir e votar todos aqueles outros asuntos que se consignen na convocatoria.
3. Na orde do día das Asambleas Xerais ordinarias haberá figurar tamén, polo menos, o punto destinado a proposicións, rogos e preguntas.
Ata cinco días antes da celebración da Asamblea, os asociados poderán presentar as propostas que desexen someter á deliberación e acordo da Asamblea Xeral. As devanditas propostas deberán estar subscritas por un número mínimo de cinco asociados.
4. En calquera caso corresponderá a Asamblea Xeral a determinación das cotas que deban satisfacer os asociados para soster as cargas da Agrupación.
Artigo 15º.- Convocatoria e constitución.
1. A celebración das Asambleas Xerais será comunicada xuntamente coa orde do día a cada asociado na dirección que este lle facilitase á Agrupación.
2. A Mesa da Asamblea Xeral estará constituída polo Presidente da Agrupación, que dirixirá o debate, polo Secretario da Xunta, que actuará tamén coma Secretario da Asamblea, e por outro membro da Xunta Directiva designado por esta.
Artigo 16º.- Votacións.
As votacións serán públicas e a man alzada, agás aquelas que decidan unha moción de censura, que serán secretas.
Artigo 17º.- Acordos.
1. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos votos emitidos.
2. Os acordos aprobados pola Asamblea Xeral obrigarán a todos os asociados, presentes, ausentes e disidentes.
3. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos que non figuren expresamente na orde do día.
CAPÍTULO SEGUNDO: A XUNTA DIRECTIVA
Artigo 18º.- Composición.
A xestión de goberno da Agrupación correspóndelle á Xunta Directiva, que para o efecto estará constituída por:
a) Presidente/a
b) Vicepresidente/a
c) Secretario/a
d) Tesoureiro/a
c) De un a tres vocais
Artigo 19º.- Período de mandato.
1. O período de mandato dos membros da Xunta Directiva será de dous anos.
2. Os que cesen nos seus cargos poderán ser reelixidos de forma inmediata para o mesmo ou para outro posto distinto do que estaban desempeñando, a excepción do Presidente que soamente poderá ser reelixido por unha lexislatura máis.
Artigo 20º.- Reunións da Xunta Directiva.
1. A Xunta Directiva reunirase con carácter ordinario unha vez ó mes e cantas outras veces sexa preciso para o exercicio das súas funcións, por iniciativa do Presidente ou a pedimento de tres dos seus membros.
2. Para que a Xunta poida adoptar validamente acordos, será necesaria a concorrencia da maioría dos membros que a integran.
3. Todos os membros da Xunta Directiva terán voz e igual voto, que non se poderá delegar; os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes, con voto dirimente do Presidente, ou de quen o substitúa, en caso de empate.
Artigo 21º.- Facultades e funcións.
Son atribucións da Xunta Directiva:
a) Resolver a admisión de colexiados que soliciten incorporarse á Agrupación de Avogados Novos.
b) Mirar pola igualdade de trato de todos os asociados, pola solidariedade e a axuda mutua entre eles e pola súa correcta conducta social e profesional respecto dos seus compañeiros, da Agrupación e do Colexio.
c) Convocar eleccións para a provisión do todos os cargos da Xunta Directiva e proclamar e publicar as candidaturas.
d) Acordar a convocatoria das Asambleas Xerais e fixar a correspondente orde de día.
e) Adoptar normas para o desenvolvemento destes Estatutos e dos Regulamentos e acordos aprobados pola Asamblea Xeral.
f) Dirixir, coordinar, programar e controlar a actividade das Comisións e Servicios que se creen, regulando o seu funcionamento e fixando as facultades que deleguen nelas.
g) Recadar, distribuír e administrar os fondos da Agrupación.
h) Redactar os orzamentos e render as contas anuais.
Artigo 22º.- Eleccións.
1. Todos os membros da Xunta Directiva serán elixidos por sufraxio directo e secreto dos asociados entre os candidatos legalmente proclamados.
2. Poderán participar coma electores todos os asociados incorporados á Agrupación con máis de dous meses de antelación á data da convocatoria das eleccións.
3. A elección para os cargos vacantes da Xunta Directiva terá lugar na segunda Asemblea Xeral ordinaria; se ben a Xunta Directiva poderá convocar eleccións coma acto separado de aquela.
Artigo 23º.- Convocatoria e proclamación de candidatos.
1. A convocatoria das eleccións farase pola Xunta Directiva e anunciarase con trinta días de antelación, como mínimo, á data da súa celebración.
2. A convocatoria electoral haberá de expresar os cargos que resultan obxecto de elección, o lugar, data e hora de celebración do acto electoral e a hora en que se cerrarán as urnas para o comezo do escrutinio.
3. As candidaturas deberán presentarse na Secretaría da Agrupación con dez días, como mínimo, de antelación á data fixada para a celebración das eleccións.
4. A Xunta Directiva, ó día seguinte da finalización do prazo de presentación de candidaturas, proclamará candidatos a aqueles que reúnan os requisitos esixibles, e considerará electos ós que non teñan opoñentes. De seguida publicarao no taboleiro de anuncios e comunicarállelo ós interesados.
Artigo 24º.- Requisitos de elixibilidade.
Os cargos da Xunta Directiva proveranse entre os asociados electores nos que concorran as seguintes condicións:
a) Que non forme parte da Xunta de Goberno do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra.
b) Que pertenza á Agrupación dende, alomenos, seis meses antes da convocatoria das eleccións.
Artigo 25º.- Toma de posesión.
Na primeira Asemblea Xeral ordinaria, ou nunha Asemblea Xeral extraordinaria, se se celebrase algunha antes de aquela, os candidatos proclamados electos tomarán posesión dos seus cargos, e neste momento cesarán os substituídos.
Artigo 26º.- Cesamentos.
1. Os membros da Xunta Directiva cesarán polas seguintes causas:
a) Expiración do prazo para o que foron elixidos ou designados.
b) Renuncia dos interesados.
c) Perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.
d) Elección coma integrante da Xunta de Goberno do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra.
e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta Directiva, ou a cinco sesións no prazo dun ano, logo de acordo da propia Xunta.
f) Aprobación de moción de censura que lles afecte.
2. A moción de censura haberá de adoptarse en Asemblea Xeral extraordinaria e esixirá unha maioría de dous tercios dos asistentes á reunión.
TÍTULO CUARTO: DOS RÉXIMES ECONÓMICO E XURÍDICO
Artigo 27º.- Recursos económicos.
1. O funcionamento económico da Agrupación de Avogados Novos axustarase ó réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade.
2. Os recursos da Agrupación serán os seguintes:
a) Os ingresos que se obteñan polas actividades e cursos que organice ou ofreza a Agrupación.
b) O importe das cotas de asociación, así coma as derramas establecidas pola Asemblea Xeral.
c) As cantidades que a tal fin se destinen nos orzamentos do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra.
d) As subvencións que se lle concedan á Agrupación polas Administracións Públicas, Corporacións oficiais, entidades e particulares.
Artigo 28º.- Normativa aplicable.
A Agrupación de Avogados Novos de Pontevedra rexerase polas disposicións legais que lle afecten, polos presentes Estatutos, polos seus regulamentos de réxime interior e polos propios acordos aprobados polos diferentes órganos da Agrupación no ámbito das súas respectivas competencias.
Serán de aplicación supletoria, e completarán o disposto nos presentes, os Estatutos do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra e aqueles das Federacións de Avogados Novos nas que a Agrupación se integre.
TÍTULO QUINTO: DA MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS
Artigo 29º.- Competencia.
A Asamblea Xeral da Agrupación será a única competente para modificar en calquera sentido os presentes estatutos, someténdose os mesmos posteriormente á aprobación pola Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Pontevedra.
A dita modificación debe ser acordada sempre en asemblea xeral extraordinaria, convocada para tal efecto e constituída validamente coa metade dos membros da Agrupación en primeira convocatoria, ou sen que se requira mínimo de asistentes en segunda. Deberá transcorrer entre unha e outra polo menos media hora.
Para a validez do acordo de modificación será necesaria unha maioría de dous terzos dos asistentes á asamblea.
Artigo 30º.- Supletoriedade.
A Xunta Directiva poderá regulamentar as cuestións contidas nos presentes estatutos que se crean necesarias e deberáselle dar conta á asemblea xeral inmediata para a súa ratificación.
Así mesmo, e con carácter supletorio ou orientativo destes estatutos, poderase acudir aos estatutos que rexen a Confederación de Avogados Xoves do Estado Español e, subsidiariamente, aos estatutos do Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra, o Estatuto Xeral da Avogacía Española e ás disposición xerais relativas ao exercicio da avogacía, por esta orde.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
Única.- Da primeira Xunta Directiva.
1. A primeira Xunta Directiva da Agrupación elixirase, previa presentación de candidaturas, nos trinta días seguintes á celebración da Asemblea constitutiva que, ó efecto, convoque o Colexio de Avogados de Pontevedra.
2. Nesta primeira elección non será de aplicación o requisito de elixibilidade do artigo 24 b. |